50 Anos de Pop, Rock e Malditismo na Música Galega (Toxosoutos, 2010) - Fernando Fernández Rego
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
Á esquerda, Andrés do Barro, no centro arriba Skornabois e abaixo Fanny e Alexander, e á dereita desde arriba Triángulo de Amor Bizarro, Cudevaso e Viuda Gómez e Hijos |
"Por fin ve a luz unha primeira entrega na que se recompila o mellor do pop-rock galego dende a súa alborada". "Dende este momento tócache a ti, lector e, supoñemos, fanático da música: busca, investiga entre as páxinas encadernadas que tes nas mans, remexe entre todo o que o autor rescatou para ti. E, se sentes que despois de ler algún dos parágrafos aquí escritos, tes que escoitar por primeira vez ou recuperar algo do que aquí se fala, entón daremos por bo todo o libro". Xavier Valiño prologa con palabras coma estas o libro 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, de Fernando Fernández Rego, -administrador da web musical Lafonoteca-, que acaba de editar Toxosoutos.
A obra, sobre a que corre xa bastante ruxerruxe por internet, presentarase o vindeiro 11 de xuño ás 20:00 horas no Pazo das Musas, en Compostela, -fronte ao Retablo-, cun concerto de Noise Project, segundo anuncia na súa web Lafonoteca.net, unha base de datos na rede creada co obxectivo de divulgar a música española, e alicerce deste libro. "Chegado o momento actual, en pleno 2010, considero que é necesario revisar a escena musical galega. Atrás quedan os tempos nos que o rock era algo exótico e era difícil atopar referentes por estas terras celtas". (...). "Hoxe en día, e coa perspectiva que permite o paso do tempo, podemos afirmar sen pudor que a música popular goza dunha espléndida saúde en Galicia", reflexiona o autor na introdución da obra.
Así, 50 Anos de Pop, Rock e Malditismo na Música Galega achega reseñas sobre máis de 70 grupos da escena galega desde os anos 60 ata a actualidade, con información xeral comentada polo autor sobre cada un, a súa historia e a súa discografía, e fotos.
"Decidinme a facer unha selección dos que considero son os principais grupos galegos de pop e rock da historia". (...). "Centreime en recuperar aqueles grupos que quizais non lograron a repercusión de deberan" (...), "así como certas debilidades persoais, pois todos as temos", advirte Rego, sobre as ausencias que os lectores poidan atopar. O volume é o resultado, tal como apunta, dunha labor de recuperación de biografías e discografías moitas veces "titánica", un traballo case de arqueoloxía, no que os membros dos grupos colaboraron "escaneando portadas e mandando discos imposibles de atopar".
DATOS
De Radio Océano a The Homens
Desde Los Tamara, Andrés do Barro, N.H.U., ou Goma 2, ata Golpes Bajos, Os Resentidos, Semen Up, Aerolíneas Federales, Radio Océano, Los Limones, ou Os Diplomáticos, Los Piratas, Yellow Pixoliñas, Herdeiros da Crus, The Killer Barbies, Skornabois, Xenreira, Deluxe, Catpeople, Fanny+Alexander, Niño y Pistola, The Homens, Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha..., o libro, de lectura doada, ofrece datos básicos sobre cada grupo. Ao final contén ademais artigos de colaboradores como Xavier Valiño, Xosé Manuel Pereiro, Emilio José, Rubén Coca e Raúl Alonso, con reflexións sobre aspectos da historia da música galega, ou propostas de listas dos cinco discos favoritos de cada un...
Acompaña ao volume un CD cunha escolma de cancións de grupos como Fanny+Alexander, The Homens, Sevigny, Apeiron, Maryland, Triángulo de Amor Bizarro, Igllo, Jugoplastika, Novedades Carminha ou Viuda Gómez e Hijos.
"Falta definir uns obxectivos"
O libro inclúe unha conversa con German Coppini, na que este comenta que a música actual está rexida polo "anarco-individualismo", pois "falta definir uns obxectivos e unhas formas", e manifesta a súa decepción coa industria e cos medios. Xosé Manuel Pereiro comenta que os medios xa non teñen espazos centrados na música, e que "menos mal que está internet". Emilio José di que non hai mercado nin industria musical non dependente de Madrid.